xoves, 10 de marzo de 2016

As mulleres, as donas do río

Esta semana celebramos o Día Internacional da Muller dun xeito moi especial.
Convidamos a varias mulleres da parroquia para que viñeran ao cole a explicar algúns dos traballos que realizaban no río cando eran máis novas.

Tivemos a sorte de contar con nais, avoas e bisavoas moi expertas na materia, que explicaron moitísimas cousas interesantes sobre os muíños, o seu funcionamento, as súas partes e o uso que se facía deles antigamente. 

Unha delas contounos que con 7 anos
xa traballaba no muíño e que, pola tarde, ía á escola.
Tamén contáronos que as mulleres sempre foron emprendedoras. A bisavoa que nos visitou relatou como á súa avoa se lle ocorreu transportar, cos seus burros, o millo de todo o Concello ata o seu muíño. Isto facíao cando en verán os ríos estaban sen auga suficiente para moer e así lograba que as colleitas de millo non se perderan.


Os nenos e nenas decatáronse de que antigamente a vida era moi diferente, xa que non había auga corrente nas casas e non existían as lavadoras. Dúas avoas expertas en lavar no río e nos lavadoiros explicáronlles como facían, transmitindo cun sorriso que lles encantaba realizar esta tarefa.
Contaban que o facían dende ben pequeniñas. Incluso, unha delas, chegou gañar un salario por lavar a roupa doutras familias.


E para máis desfrute unha avoa trouxo magdalenas para todos!!!!!

Moitísimas grazas polo voso esforzo, mulleres do río! E que todos os días do ano sexan o día da muller!!

Despois de desfrutar destas fantásticas charlas, algúns nenos e nenas divertíronse escoitando as peripecias dunhas lavandeiras moi locas. Recomendamos este conto para botar unhas risas e para reflexionar sobre os roles que desempeñan as mulleres e os homes no ámbito laboral (preme na imaxe se queres saber máis sobre este conto)
Lavanderas locas, Las


Espérovos cos libros abertos!

1 comentario: